O 19 de outubro dará comezo unha nova edición do curso gratuíto e aberto “Discapacidade e defensa legal activa”, unha iniciativa impulsada polo Real Padroado sobre Discapacidade, Fundación ONCE, CERMI Estatal e a UNED.
Esta formación ten como obxectivo achegar á cidadanía os principios de respecto e garantía dos dereitos das persoas con discapacidade, proporcionando ferramentas prácticas para a defensa activa e a promoción do exercicio efectivo destes dereitos.
O curso, cunha duración de 8 semanas, está dirixido a calquera persoa interesada en coñecer os mecanismos existentes para previr e actuar fronte a situacións de discriminación, sen necesidade de contar con coñecementos xurídicos previos. Está especialmente orientado a persoas con discapacidade e as súas familias, entidades do movemento asociativo, profesionais do ámbito público e privado, estudantes, voluntariado, persoal docente e calquera persoa vinculada á defensa dos dereitos humanos.
Os contidos abordarán, entre outras cuestións, a identificación de situacións de discriminación, a normativa de protección dos dereitos das persoas con discapacidade, os procedementos para denunciar vulneracións, as ferramentas de defensa activa a través das redes sociais, os delitos de odio, a perspectiva de xénero e discapacidade e a educación inclusiva.
A participación é gratuíta. Ademais, as persoas que superen o curso poderán solicitar un certificado oficial emitido pola UNED (cun custo de xestión de 20 €).
Máis información e inscrición: nesta ligazón ou a través de canalfundaciononce@adm.uned.es