Prezado compañeiro, prezada compañeira:
O Consello da Avogacía Galega e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio para compensar os profesionais da avogacía designados en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia xurídica gratuíta.
Cal é o obxecto do convenio? Dar cobertura económica a aquelas asistencias letradas prestadas a detidos e investigados nas gardas ou en virtude de requirimento xudicial, de acordo co artigo 21 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro de asistencia xurídica gratuíta, así como para as solicitudes de medidas xudiciais de apoio de carácter estable a unha persoa con discapacidade.
Cales son os requisitos para a súa inclusión no convenio?
A.- Persoas físicas en procesos penais: 1. Que ao defendido se lle teña denegado o dereito á asistencia xurídica gratuíta por algunha das seguintes causas: a. Por falta de sinatura do interesado/a na solicitude de recoñecemento que autorice o acceso á información económica por parte da administración. b. Por non achegar a documentación requirida pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta. 2. Que o profesional designado tentase, con resultado negativo, a cobranza dos seus honorarios directamente do defendido (non é preciso que sexa unha reclamación xudicial), ou, de non ser posible, e ante as evidencias obxectivas da insuficiencia de recursos da persoa asistida, unha declaración responsable de aparencia de falta de medios (xúntase modelo).
B.- Persoas xurídicas cando resulten investigadas no curso dun procedemento penal: 1. Que non dispoñan de patrimonio suficiente, por ser o seu resultado contable, en cómputo anual, inferior ao triplo do IPREM (o que se pode conseguir nas actuacións). 2. Que o profesional designado tentase previamente a cobranza dos seus honorarios directamente da defendida (non é preciso unha reclamación xudicial) ou, de non ser posible, e ante as evidencias obxectivas da insuficiencia de recursos da persoa asistida, unha declaración responsable de aparencia de falta de medios (xúntase modelo).
C.- Solicitudes de medidas xudiciais de apoio de carácter estable a unha persoa con discapacidade: Que se tramiten de conformidade coa Lei de xurisdición voluntaria sen ser preceptiva a intervención de avogado/a.
Aclaración: este concepto devéngase con independencia do xa vixente para os expedientes de xurisdición voluntaria cando se converten en contenciosos (Código 3013: 192€), momento no que xa é preceptiva a intervención de avogado/a.
Cal é a compensación económica? A.- Persoas físicas no proceso penal: As contías establecidas nos baremos de compensación económica previstos para as actuacións dos avogados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta. B.- Asistencia a persoas xurídicas investigadas no curso dun procedemento penal: 382,95€ C.- Medidas de apoio: 150€.
Como se xustifica a actuación? Remitindo ao Colexio o parte de actuacións que se xunta, coa documentación xustificativa.
Que actuacións inclúe? A xustificación comprenderá os gastos de accións tentadas cobrar polo profesional do defendido ou realizadas co resto de requisitos esixidos no convenio desde o 1 de xaneiro ata o 1 de decembro de 2024.
Aclaración: permite incluír os asuntos cuxa cobranza se reclame ao insolvente ou persoa xurídica durante a vixencia do convenio, aínda que sexan anteriores, de tal maneira que poderán incluírse os asuntos sempre que se reclame o pagamento nesta anualidade e co límite de financiamento establecido no convenio.
Cal é o prazo para presentar as xustificacións para a cobranza e onde se presentan? A data límite para presentar as xustificacións é o 15/11/2024, ao correo electrónico: colexio@icavigo.org.